Mi Juan. Lugo

 

Lugo

Era un outono húmido e frío. Tempo de castañas quentes nos petos da miña nova cazadora, gris e con adornos nas mangas, que facía uns días os meus pais compráronme para o novo curso. As castañas compradas na rua Real, de camino a” Flor del Jamón", a buscar un pouco de picado para a minestra, ou as lentellas.

Non era habitual viaxar cos meus pais e a miña avoa Carmen, todos xuntos; pero eran as festas de San Froilán e  creo lembrar que nese momento o meu pai estaba no paro.

Os meus padriños vivían en Lugo e convidáronnos a pasar a fin de semana longa, coincidindo co festivo pola Virxe do Pilar.

A cidade elegante e bimilenaria acolleunos alegre despois dun longo e cómoda viaxe en tren desde Coruña. Cada parada do convoi traía unha historia do pasado da miña avoa cando vendía e compraba queixos nas feiras de Curtis, Melide, Parga, ou da miña nai e a súa familia, pois o seu irmán pequeno estivo en Parga durante o servizo militar. Mentres o meu pai dormitaba co traqueteo rítmico do amplo vagón. O compartimento era todo noso.

Converteuse nunha desas situacións familiares que desexas que non rematen nunca. Agradable e chea de emocións positivas, recordos que producen alegría, nostalxia dun pasado duro pero feliz.

Pero chegamos á cativa estación de Lugo. Alí estaban os meus padriños, esperando por nós. A súa vivenda atopábase preto da estación, na estrada para Oviedo. Enfronte do seu piso, primeiro, sen ascensor, cunha escaleira de madeira, gastadísima, aparcaban numerosos camións, cheos de mazás que esperaban para ser transportadas a Asturias. A sidra non se fai só con mazás asturianas, algunha galega leva. Se te acercabas ata os camións o doce olor das mazás era superior ó da goma gastada, gasolina e ferruxe que teñen sempre os camións.

Non era o único cheiro que dominaba a rua.

No baixo do piso dos meus padriños había un tostadero de café.

Que agradable amencer co seco e amargo cheiro do café tostando.  Curiosamente miña madriña facía un café moi bó, segundo meus país, eu nunca o probei.

Teño varios recordos desta viaxe, partidas de cartas, obxetos mercados nas feiras, libros e tebeos que conserve, aínda que hai una historia que me produce enorme alegría traela ao meu presente.

Polas mañás levantabámonos cedo. Sobre todo o meu pai e eu. Almorzábame, o meu pai non o facía nunca, e despois aló íamos a dar un paseo polas húmidas e grises rúas. Era o noso momento de desconexión

Ao achegarnos á anterga muralla romana que rodea o casco antigo, quedamos nunha das portas, mirando para un escudo enorme que guía aos viaxeiros. Ó seu carón unas escaleiras para subir a muralla. Aló fomos. O meu pai contoume unha historia sobre Lugo mentres percorriamos agradablemente o camiño de terra sobre a muralla.

Acabamos o paseo regresando ao momento de inicio, entón observamos a unha parella nova lanzando algo cara a rúa desde un oco da muralla. Ao terminar déronse un bico rápido e marcharon polas gastadas escaleiras.

Ao achegarnos ao seu sitio comprobamos con sorpresa que estaban a lanzar pesetas, que con gran puntería terminaban na pequena coroa do escudo. Observábanse unha boa cantidade de moedas na coroa.

-Quero probar Papá!, rapidamente solicitei con evidente terquedad, o meu pai tiña perdida esa batalla.

Por suposto probamos fortuna, e teño que dicir que demostrei a miña puntería; varias pesetas víronse voando con pericia e aterraron na coroa do escudo; pero unha saíu despedida.

Dunha zona oculta apareceu como un raio unha figura que áxilmente dobrou as súas costas e enganchou a redonda e solitaria peseta.

O home de longa, lacia e morena melena debía ter un muelle suxeitándoo que o arrastrou novamente á súa posición escondida, saíndo do noso escaso ángulo de visión.

-É un pescador de moedas, dixen eu, mentres o meu pai dobraba gargalladas agarrando o meu ombreiro dereito.

Foi un bo día de pracer.

Comentarios

Además